ADEGA: 50 anos de ecoloxismo galego

ADEGA: 50 anos de ecoloxismo galego 1 de xuño de 2026 Santiago de Compostela Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o Consello da Cultura Galega e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) organizan un acto conmemorativo para celebrar o medio século de historia da asociación ecoloxista. O evento terá lugar nas instalacións do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A peza xeral será a proxección do documental A Terra por gañar, á que seguirá un debate en que participarán destacados membros fundadores e da actual dirección de ADEGA. No mesmo acto, farase entrega do libro titulado ADEGA: 50 anos coidando a terra. ADEGA xorde a mediados da década de 1970 como resposta á problemática ambiental do momento, aínda no contexto da ditadura franquista no Estado español e de dependencia da nosa terra a respecto do Estado. E tamén nun contexto internacional de preocupación incipiente polas problemáticas ambientais: o esgotamento dos recursos, a explotación de especies xa en perigo, as intervencións nos ecosistemas e, nomeadamente, a contaminación química e os riscos da enerxía nuclear. Sempre en colaboración con outros sectores sociais e con outras organizacións, ADEGA contribuíu a gañar moitas das loitas que a sociedade galega librou. Loitas que evitaron numerosos proxectos de novas celulosas, unha central nuclear, a continuación dos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, concentracións parcelarias altamente destrutivas, un feixe de grandes encoros, máis dun cento de minicentrais nos ríos, varias incineradoras de residuos, proxectos de megaminaría, megaproxectos acuícolas na Rede Natura, numerosos parques eólicos de alto impacto ambiental... Unha loita que tamén impulsou actuacións en positivo: de reciclaxe, compostaxe doméstica e comunitaria, limpezas simultáneas de praias e ríos, o Proxecto Ríos, propostas de lexislación popular para o Parlamento galego e unha contribución singular e pioneira á sensibilización ambiental da cidadanía. 0:22 Mesa redonda 43:02 Debate co público 1:07:47 Clausura