EU TAMÉN NAVEGAR. Cincuenta anos de feminismo galego. Venres tarde

EU TAMÉN NAVEGAR. Cincuenta anos de feminismo galego 29-30 de maio 2026 Santiago de Compostela “Soñar tamén é un xeito de andar camiños, miña señora, sobre todo para aquelas ás que a aventura de navegar nos está vedada”. Begoña Caamaño O feminismo galego organizado cumpre cincuenta anos; un fito importante na nosa historia colectiva. Moitas propostas, accións e horas de traballo deron como resultado un avance importante nos dereitos das mulleres. Por iso, consideramos que é un bo momento para reflexionar e analizar as ondas propias dun movemento que, en constante relación co ámbito internacional e estatal, foi capaz de nacer e medrar no contexto social e político galego. Durante dous días abrimos este espazo á participación. Agardamos que sexa unha homenaxe e, tamén, unha contribución ao coñecemento e difusión dunha parte fundamental da nosa historia recente. Desde o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega, convidámosvos a coñecer os fondos que albergamos sobre esta etapa e a debater coas relatoras sobre a pegada social dun movemento que comparte teoría e praxe, utopías e realidades. A escolla non foi sinxela. Múltiples temas transitan este medio século de historia; desde o dereito a decidir sobre o propio corpo, a sexualidade ou a maternidade ata o divorcio, a abolición do adulterio ou o mercado laboral, así como a cacarexada corresponsabilidade. Este congreso é só un momento de descanso na navegación; contemplar o moito percorrido e coller forzas para as próximas expedicións é o reto que vos propoñemos. 2:11 …A outra Penélope, a que arela outros soños, a que devece por outra vida… (1985-1995) 59:55 Debate co público 1:25:24 …dona de seu, sen medos nin alertas… (1995-2004)