Xota do Bombo Torto - Nós, os Outros

Xota do Bombo Torto… o noso agasallo nesta noite de Maxia e Reis. Xa para rematar o Nadal pechamos o trio de xotas co que o comezamos, con esta peza da que gostamos moito e que nos parece moi, moi especial. Volvemos sobre as composicións de Xosé Manuel Fernández “Muxicas”, e desta vez afrontamos ese xeito tan especial da gaita galega, o multitonalismo, que “inaugurou” Roxelio de Leonardo Bouza xunto á Escola de Gaitas de Ortigueira dirixida por Xabier Garrote nos anos 70, e que continuou e levou a lugares inexplorados e espléndidos Muxicas dende pouco despois, e por suposto Xosé Manuel Fernández cos seus arranxos e composicións naquela época, que deixaron pezas para a épica da música nosa. Con todo o repertorio multitonal de Leonardo Bouza e o que nos ofreceu Muxicas nos seus vinte anos de camiño ( transcrito na súa web www.muxicas.gal ), teriamos traballo para moito tempo en aprendelas e axustármolas ao son que merecen. Máis esa fada compositora de Xosé Manuel non se apagou cando deixamos de disfrutar da vida activa de Muxicas. Seguiu a aparecérselle nos paseos polas corredoiras, e nas silveiras, e nos merlos que veñen cantar á ventá, e en tantas fontes de inspiración… e en tantas cousas que só el saberá… O caso é que da súa extensa obra “contemporánea” (a desta etapa actual queremos dicir), escollemos hoxe esta xota para gaitas en Do e Sol, requinta en Sol, tamboril e bombo. Vós diredes se vos parece unha boa escolla. Nunca falamos de algo moi importante, e que no caso deste tipo de pezas adquire aínda maior trascendencia: os instrumentos que usamos. Non cabería opción ningunha de afrontar estas composicións sen o traballo excepcional dos artesáns que fabricaron e levan perfeccionando dende hai moitos anos os nosos instrumentos do País. Así en Nós, os Outros, estamos a traballar con gaitas do Obradoiro Seivane en Cambre, Requintas do Obradoiro Roi Quián en Vigo, Tamboril do Obradoiro de Carlos do Viso en Redondela e o bombo non o temos localizado porque é un pouco histórico, foi encargado por Bao hai moitos anos nun obradoiro da zona de Ordes e ata aí chegamos no que sabemos del. O noso recoñecemento e agradecemento para todos eles por ofrecernos ferramentas tan valiosas e perfeccionadas que nos permiten que os únicos límites para expresar musicalmente o que queremos dicir estén só en nós. E dixera alguén… Que cante o merlo!!!