1º. A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate

1º. A xestión dos espazos expositivos en Galicia a debate A partir da grave crise do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), unha análise dende as múltiples olladas do sector profesional sobre a situación do sistema artístico institucional en Galicia. 14 de xullo de 2026 Santiago de Compostela A recente designación da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) provocou unha ampla reacción no ámbito artístico e cultural galego, e abriu un debate que vai máis alá dun nome concreto para situarse en cuestións de fondo relacionadas cos procedementos de selección, os modelos de xestión e gobernanza das institucións culturais, as políticas culturais públicas e os mecanismos de participación do sector. Neste contexto, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega promove a realización de dous encontros sectoriais como espazos de diálogo, reflexión e intercambio entre os distintos axentes que integran o ecosistema cultural galego. A iniciativa nace coa vontade de contribuír a unha análise compartida do momento actual e de abrir unha conversa plural arredor dos retos que afronta o sector, tomando como punto de partida a situación xerada no CGAC. Os encontros reunirán representantes de asociacións profesionais, creadoras e creadores, responsables institucionais, especialistas en xestión cultural e voces relevantes do tecido artístico e cultural. O seu propósito é favorecer unha reflexión colectiva que permita identificar necesidades comúns, detectar ámbitos de mellora e formular propostas que contribúan ao fortalecemento do sistema cultural galego. Máis alá da análise da situación actual, estes encontros sectoriais buscan promover unha visión de futuro baseada na cooperación, o diálogo e a corresponsabilidade. Entre os temas que se abordarán figuran a transparencia nos procesos de selección, a participación dos e das profesionais na definición das políticas culturais, a autonomía das institucións e as condicións necesarias para garantir un desenvolvemento cultural sólido, diverso e sostible. O Consello da Cultura Galega entende estes encontros como unha oportunidade para canalizar as inquietudes existentes e convertelas nun exercicio construtivo de pensamento compartido, capaz de xerar novas expectativas, fortalecer os vínculos entre os distintos sectores culturais e contribuír ao coidado e mellora das estruturas culturais de Galicia. • 1º encontro: 14 de xullo de 2026 • 2º encontro: 22 de setembro de 2026 • Presentación do informe ou documento final: outubro-novembro de 2026