MUIÑEIRA DO CARACOL

A mediados dos anos oitenta un grupo político, que gobernaba o Concello de Vigo en maioría, (nome de catro letras que empeza por "P" e remata en "E") vetou vergoñentamente ó grupo Muxicas de por vida (seguindo os máis tradicionáis métodos das dictaduras) facendo que non se poidera presentar en Vigo e área de influencia de xeito oficial e institucional ningún dos seus oito discos. A eses sinvergoñas, e os seus acólitos (especialmente ó Concelleiro de Cultura do momento), adiquei daquela este tema que só se tocou en Vigo unha vez, que eu lembre, no noso concerto de despedida en setembro do ano 2000. A "Muiñeira do caracol" vai adicada a eses seres inmundo, babosos e arrastrados. E como non hai mellor xeito de resaltar a obscena miseria dos pesebreiros que confrontándoa coa beleza, fixen esta muiñeira chea de matices que percorre o camiño seguindo o compás arrastrado dun "METOSÁN COPÁ, METOSÁN COPÁ, METOSÁN COPÁ, METOSÁN COPÁ" que marca o pulso rítmico. (Repetide a serie incidindo nas acentuacións e entenderedes a qué me refiro) Con todos vós a "MUIÑEIRA DO CARACOL". Está gravada con gaita do Obradoiro Zamáns, punteiro afinable de Lis Latas con furo para Do#, palleta de Iglesias e pallóns que fixen eu, de cana de tódala vida.