Modelo Burela

Un documental de Matías Nicieza, guionizado polo profesor Bernardo Penabade. Unha viaxe arredor de nós: homes e mulleres; de maior e menor idade; fillos predilectos e fillos adoptivos. Partimos dun Poeta (que non se recoñece poeta, mais que o é), e pasamos por cincuenta estacións intermedias, para chegar a outro Poeta, o admirado don Ramón. Unha radiografía do crisol humano asentado en Burela e unha mostra de feliz integración entre pobos e culturas moi diferentes. Aposta universalista feita desde unha modesta localidade galega co Mar ao Norte, como dicía Cunqueiro, o das "Mil Primaveras Máis". B.P. SINOPSE: En Burela, o Instituto Perdouro realizou unha Intervención Educativa destinada á comunidade escolar e, por extensión, ao conxunto da poboación da localidade. Alumnas e alumnos botáronse á rúa na procura dos típicos documentos que hai en calquera casa. Así, pouco a pouco, foron aparecendo textos con grande valor sentimental: convites de celebracións, documentos notariais, publicidades comerciais, actas de reunións das comunidades veciñais, correspondencia privada, recordatorios de comuñóns e incluso notas necrolóxicas. A iniciativa didáctica chegou tamén á Cámara Municipal e unha comisión específica redactou o Proxecto de Planificación Lingüística, que a corporación aprobou por unanimidade en abril de 2008. Con Modelo Burela (longametraxe-documentario de 66 minutos de duración), poñémoslle imaxe á voz dos protagonistas.