Alalá nº 68 "Xistra de Coruxo" - TVG

ALALÁ nº 68 "Xistra de Coruxo"- TVG Emisión en Televisión de Galicia: 11/03/08 Mentres non empeza a treboada, podemos gozar coa paisaxe deste país imaxinario empezando pola súa capital: Coruxo. Un lugar fermoso e privilexiado no que a terra e o mar estiveron sempre collidos da man e no que as influencias do resto do mundo sempre foron ben acollidas e adaptadas. (Tanto que ata teñen unha gamela coruxeira que naceu da unión dunha gamela galega e unha maseira portuguesa). Pois neste lugar tan peculiar naceron a maioría dos membros do grupo Xistra, e disto hai xa vinte anos. Tralo grupo, formaron unha asociación, a de Gaiteiros da Xistra. Nestas dúas décadas xa podedes imaxinar que foron moitos os “xistraleiros” que pasaron polo grupo, que tras pasar por distintas etapas e por distintos coceptos de facer música, volveu ás súas orixes: á tradición galego-miñota, á cultura que un día tivemos en común galegos e portugueses. Co obxectivo de recuperala e espallala, aqueles mozos que un día se empezaron a tocar no centro Recreativo do barrio, continúan traballando. O curioso é que case ningún dos xistra se dedica profesionalmente á música, tocan, nunca mellor dito, por amor a arte e por manter activa a Asociación gaiteiros da Xistra. A través dela organizan concertos didacticos, publicación sobre grupos históricos da zona e outros moitos proxectos que teñen que ver coa música galego-miñota.